luns, 30 de novembro de 2020

¿QUE ACONTECE DENTRO DA CASTAÑA?

Para pechar a época outonal, os Pecalamiños fixemos o noso particular Magosto. Non comemos castañas, pero elaboramos un conto moi cuquiño sobre o que acontece dentro dunha castaña. Adicámoslle unhas cantas semanas e o resultado é espectacular.
¿Queredes saber o que acontece dentro da castaña? Pois mirade, mirade!


mércores, 25 de novembro de 2020

XUNTOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Cada día escoitamos ou lemos novas onde acontecen sucesos relacionados coa violencia e o maltrato. Non podemos permitir que a sociedade se esqueza ou deixe de lado o que acontece. Queremos risas, agarimos, amor e felicidade para TODAS e TODOS. 
É por iso que as pequenas e os pequenos do Pecalama nos unimos para deixar BEN CLARO que imos loitar para conseguilo, cada día do ano e non soamente os 25 de novembro.

!Unídevos e loitade con nós!

mércores, 18 de novembro de 2020

FROITOS DO OUTONO

Como estamos metidos de cheo no outono, non podiamos deixar de lado os froitos tan propios desta época. Falamos sobre os que xa coñecemos (uvas, peras, mazás, kiwis, noces, cabazas...), cales nos gustan, cales non e aproveitamos para coñecer uns novos e saborealos.

Neste caso, tocounos experimentar coa GRANADA e co CAQUI, dous froitos que están moi presentes en case tódolos supermercados e son moi saborosos. Primeiro tocámolos, miramos a súa textura, o seu peso e observamos a súa cor, para logo abrilos pola metade para poder comparar e ver as diferenzas.

Despois de toda unha análise detallada, tocounos saborear estes dous manxares, non todos quixemos probalos. Uns probamos todo, outros só probamos a granada, outros o caqui e un non quixo probar, porque non lle gustan os froitos.

O que máis nos gustou á maioría foi a GRANADA, polo que non vos sorprenda se vola pedimos na casiña.


luns, 9 de novembro de 2020

OS PRIMEIROS PASOS NA ROBÓTICA

Hoxe coñecemos a nosa robot, unha ratiña moi simpática e xeitosa chamada Pecalamiña, que anda algo despistada e necesita a nosa axuda. Para poder desprazarse hai que programala, polo que nos puxemos mans á obra para aprender e poder axudarlle.

En nada poderedes ver os nosos progresos e o contenta que vai a estar a nosa amiga Pecalamiña.


luns, 2 de novembro de 2020

ANIVERSARIO DE VEGA SUÁREZ

O venres pasado estivemos de celebración, festexamos o aniversario da nosa amiga Vega. Menuda festa montamos con photocall, cancións, bailes e agasallo incluído. Pasámolo xenial! E desexamos que Vega tamén o pasase.

MOITOS PARABÉNS AMIGAAA!

 

domingo, 1 de novembro de 2020

A QUEIMA DOS NOSOS MEDOS

Levamos uns días falando sobre os nosos medos, non son moitos os que temos, pero que si nos preocupan. Aproveitando que estivemos nunha semana máxica, buscamos a maneira de que estes desaparecesen e non volvesen para asustarnos. 
Despois de moito cavilar, ocorréusenos facer un conxuro de queima para que marchasen co lume máxico. Puxemos todo o noso interese e vontade, sacamos a nosa maxia interior e aquí está o resultado.